Friday 03 de May de 2024

Galicia sitúase como a segunda comunidade que fai máis esforzo investidor, só por detrás de Baleares


A Xunta destinou entre xaneiro e outubro o 10,7% do seu gasto a investimentos

Galicia xa é a segunda comunidade autónoma que dedica máis recursos a investimentos, só superada en esforzo investidor por Baleares, segundo reflicten os últimos datos de execución orzamentaria publicados polo Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas. Entre xaneiro e outubro, a Xunta dedicou a gastos de capital o 10,7% do total do gasto non financeiro da Comunidade Autónoma. A única autonomía que supera esta cifra é Baleares, onde o esforzo investidor acadou o 11,2%.

Hai que ter en conta que, no mes de outubro de 2014, Galicia xa ocupaba o terceiro posto en esforzo investidor, só por detrás de Baleares e Castela e León. A mellora na posición relativa de Galicia débese ao incremento do gasto en investimento da Xunta (pasa do 9,5 ao 10,7%), mentres que a media das comunidades autónomas reduciuse do 6,2 ao 5,7%.

Deste xeito, a porcentaxe de gasto en investimentos da Xunta nos dez primeiros meses do 2015 practicamente duplica a media autonómica. Segundo os datos do Ministerio, o esforzo investidor do 10,7% en Galicia é cinco puntos superior á media (5,7%) e sitúase moi por riba doutras comunidades como Madrid, Canarias ou Cataluña.

Ademais, no capítulo de investimentos Galicia está a compatibilizar un elevado nivel de execución orzamentaria cun alto grao de pagamentos. De feito, o nivel de pagamentos sobre o executado acada en Galicia o 91%, superando en 17 puntos a media autonómica (74%).

Máis orzamento en 2016
Os Orzamentos da Xunta para este 2016 inclúen un importante reforzo do capítulo investidor, que medra un 14% respecto ao pasado exercicio, o que permitirá consolidar a Galicia entre as comunidades con maior esforzo investidor.

Esforzoinvestidor Esforzoinvestidor
Baleares 11,2% MEDIA CC.AA. 5,7%
Galicia 10,7% Murcia 5,5%
Castela e León 9,3% Asturias 5,3%
A Rioxa 9,2% Castela-A Mancha 5,2%
Cantabria 8,1% Valencia 5,1%
Estremadura 7,7% Navarra 4,1%
Aragón 7,4% Cataluña 3,8%
Andalucía 6,7% Canarias 3,1%
País Vasco 6,1% Madrid 2,5%